Tuesday 07 de May de 2024

Natalia Alonso Ramos recibe o premio de poesía Filomena Dato polo seu poemario ‘Advertencias para un traxecto boreal’


· O acto tivo lugar no salón de plenos do Concello de Bergondo e durante o mesmo tamén se presentou impresa a obra gañadora do pasado ano, ‘Cartografía dos nomes’, asinada por Lucía Durán Paredes.

· O premio ten unha dotación económica de 2.000 euros, así como a publicación do poemario gañador na editorial Apiario.

O salón de plenos do Concello de Bergondo acolleu o acto de entrega do premio do III Concurso de Poesía Filomena Dato, que organiza o Concello de Bergondo. Natalia Alonso Ramos é a autora premiada nesta ocasión con ‘Advertencias para un traxecto boreal’. Durante o acto tamén se procedeu á presentación da obra gañadora o ano pasado xa editada, trátase de ‘Cartografía dos nomes’, de Lucía Durán Paredes.

O xurado valorou do texto “o traballo coa linguaxe, a pericia no uso dos adxectivos, a promesa desde o primeiro poema e a ofrenda de imaxes de grande potencia poética e cheas de contido, a tenrura e a perspicacia”.

O acto contou coa presenza de representantes da corporación municipal, incluídas a concelleira responsable da área de cultura, Patricia Vázquez, e a alcaldesa, Alejandra Pérez, así como dúas das persoas encargadas da edición por parte de Apiario.

O premio ten unha dotación económica de 2.000 euros. A maiores, o poemario ganador pasará a ser publicado pola editora Apiario na súa colección de poesía. Apiario é a encargada de coordinar este concurso de poesía e tamén levará a cabo a publicación da obra gañadora asumindo todo o proceso: deseño, imprenta, distribución e promoción.

Con este galardón, o Concello de Bergondo contribúe a aumentar a nómina de certames que impulsan a creación poética en galego, así como a rescatar do esquecemento a figura dunha muller fundamental e pouco coñecida dentro do movemento literario do Rexurdimento: Filomena Dato Muruais (1865-1926).

Natalia Alonso Ramos (Vilaronte-Foz) exerce como xornalista no gabinete de comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Iniciou a súa traxectoria profesional en 2004, como redactora na delegación de Antena 3 Televisión en Galicia. En 2008, trasládase a Madrid para continuar traballando nos servizos informativos desta canle. Ten exercido como redactora, articulista e xefa de sección no desaparecido Xornal de Galicia, e ten sido articulista na publicación dixital Vieiros. Desde 2010 estivo vencellada como investigadora á USC a través de diferentes proxectos de investigación. Impartiu a materia ‘Estrutura do Sistema Cultural de Galicia’ no Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural da Facultade de Humanidades en Lugo. En 2011, gañou o primeiro premio do ‘VIII Certame Literario do Concello de Ames’. ‘A síndrome de Hayworth’, galardoado co Premio O Facho 2019 e editado por Medulia, foi o seu primeiro libro individual de poesía. En 2022, obtivo o segundo premio na edición XXXI do certame de narracións breves ‘Manuel Murguía’ que outorga o Concello de Arteixo.

O certame de poesía Filomena Dato pretende asentarse no panorama cultural galego co obxectivo de contribuír á difusión da lingua e a literatura galega á vez que rescata do esquecemento a figura dunha muller fundamental e pouco coñecida dentro do movemento literario do Rexurdimento como escritora e afervoada feminista galega.